O Ciclo viaxa ás Comunidades Galegas do exterior

2 Marzo 2022 | Novedades

2 de marzo de 2022 | Esta mañá anunciouse que o Ciclo Mestre Mateo viaxará alén das nosas fronteiras, en virtude da colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Secretaría Xeral da Emigración. As comunidades galegas de Berlín, Bos Aires, Caracas, Londres, Madrid, Montevideo, Sevilla e Tarragona unénse aos concellos das catro provincias galegas que acollerán as proxeccións do Ciclo.

Na rolda de prensa de presentación estiveron presentes Antonio Rodríguez Miranda, Secretario Xeral da Emigración; Jacobo Sutil, director da AGADIC e Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual. Tamén interviñeron por videoconferencia persoas representantes dos centros galegos no exterior.

Álvaro Pérez Becerra agradeceu á Secretaría Xeral de Emigración o seu apoio nun proxecto “que nos emociona” no ano en que a Academia cumpre 20 anos. Tamén quixo agradecer “a todas as persoas integrantes dos centros galegos do exterior que tanto traballan a prol da nosa cultura de xeito desinteresado” e lembrou que, de cara ao final do ano, terá lugar un encontro das salas galegas e das do exterior “para escoitar as súas aportacións e aprender das súas experiencias, para que esta iniciativa na que levamos meses traballando con tanta ilusión e que presentamos hoxe, poda seguir crecendo e espallándose”.

O Secretario Xeral da Emigración quixo saudar ás persoas representantes dos centros do exterior, indicando que “non se podería facer esta presentación sen eles, que van facer posible que as películas se proxecten no continente europeo e no continente americano” e apelou a “todos aqueles que vivimos a cultura, galega, a lingua galega e o cinema galego” convidándoos a gozar do noso cine.

Participaron por videoconferencia representantes do Centro Galego de Madrid, o Lar Galego de Sevilla, o Centro Galego de Tarragona, o Centro Galego de Londres, o Instituto Argentino- Gallego Santiago Apóstol, o Centro Gallego de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela. En representación de todos eles falou Ana Barrera, membro da directiva da Asociación Cultural Galega BerlínSon, un dos centros galegos de máis recente creación.