O documental O gran camiño inaugura as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo

10 Marzo 2022 | Películas

O gran camiño será a película encargada de inaugurar as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo, iniciando así unha andadura que levará o mellor do cinema galego recente aos concellos de Galicia e ás comunidades galegas do exterior. Oito proxeccións con periodicidade mensual e entrada de balde que arrancan neste mes co documental dirixido por Alba Prol e Raúl García.

O gran camiño  narra a súa experiencia percorrendo as grandes rutas a pé do mundo: O Pacific Crest Trail, un dos sendeiros máis extremos dos EEUU, o Camiño Inca a Machu Picchu, a ancestral ruta de Kumano Kodo en Xapón e o Camiño de Santiago europeo. Unha viaxe de miles de quilómetros que trata temas universais como as fronteiras, o amor e o sacrificio, os conflitos sociais, a espiritualidade ou o coidado do noso planeta.

Finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental, e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, o filme foi recentemente recoñecido co Premio Abanca ao impulso da sostibilidade que outorga a Academia Galega do Audiovisual “por tratar o coidado do noso planeta desde unha perspectiva global, destacando os recursos e valores da contorna natural, patrimonial, paisaxística e ambiental a través dun relato de aventuras que acaba revelándonos partes esenciais da natureza do ser humano”.

O Ciclo Mestre Mateo é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.