‘Valentina’, película inaugural do Ciclo Mestre Mateo nos centros galegos do exterior

12 Maio 2023 | Películas

12 de maio de 2023 | Onte tivo lugar no Centro Galego de Lisboa a primeira proxección da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo nas comunidades do exterior. O acto contou coa presencia de Miguel Mariño, director da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Rodríguez Miranda, secretario Xeral da Emigración e Jesús Luis Bescos, presidente do Centro Galego de Lisboa.

A sede do Centro Galego na capital portuguesa acolleu á proxección do filme de animación Valentina, a primeira das que se celebrarán en 2023. Nesta ocasión, grazas ao acordo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Academia Galega do Audiovisual o cine feito en Galicia chegará, entre os meses de maio e novembro, aos galegos do exterior. 

Amais do centro lisboeta, as oito películas e documentais finalistas nos premios Mestre Mateo tamén serán proxectadas no Centro Gallego de Álava, o Centro Gallego de Rosario en Arxentina, a Casa de Galicia en Las Palmas de Gran Canaria, o Centro Gallego de México, o Centro Gallego de Salamanca, a Sociedade Galega Sementeira de Suíza e o Centro Español La Nacional de Manhattan.

Fotografías: Secretaría Xeral da Emigración