A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo levará o mellor cine galego a 23 concellos de toda Galicia

24 Abril 2023 | Películas

O Ciclo Mestre Mateo regresa ás catro provincias galegas coas proxeccións das obras finalistas dos XXI Premios Mestre Mateo. A partir do mes de maio, 23 localidades galegas, tres máis que en 2022, acollerán as proxeccións das longametraxes de ficción, animación e documental finalistas nos premios do noso audiovisual. 

Lugo será a provincia con máis concellos adheridos á rede de salas, un total de oito: A Pobra de Brollón, Chantada, Foz, Sarria e Vilalba, que xa acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición, aos que este ano se suman A Fonsagrada, Becerreá e Meira. 

Na provincia da Coruña Ames, Arteixo e Boiro volverán contar co ciclo na súa oferta cultural, mentres que Cedeira e Melide se incorporan á rede de salas. 

En Ourense o ciclo regresa a todos os concellos participantes na primeira edición: A Rúa, Celanova, O Barco, San Cristovo de Cea e Verín.

No caso de Pontevedra cinco novos concellos pasan a formar parte da rede de salas:  Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas e A Guarda, que collen o relevo das localidades que acolleron o ciclo na súa primeira edición. 

As localidades participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo. 

O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF – Ourense Film Festival. 

O Ciclo Mestre Mateo regresa ás catro provincias galegas grazas á colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Área de Cultura da Deputación da Coruña, Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Deputación de Ourense e a Deputación de Pontevedra.