O filme ‘Welcome to ma maison’ chega en xuño ao Ciclo Mestre Mateo

3 Xuño 2022 | Películas

Welcome to ma maison chega no mes de xuño 20 localidades galegas e 8 centros galegos do exterior que albergan o Ciclo. Dirixido por Andrés Goteira, despois do éxito colleitado pola súa ópera prima Dhogs, o documental é unha viaxe real e ficcionada do actor Igor Fernández, quen, despois dunha crise, decide abandoar a interpretación para dedicarse á investigación cinematográfica. O seu proxecto de estudo da linguaxe das mans na filmografía de Nicolas Winding Refn, lévao a intentar coñecer en persoa ao cineasta danés, para poder escribir o capítulo final da súa investigación.

A película, producida por Gaitafilmes en colaboración con Mordisco films, parte dun guión co-escrito por Igor Fernández e Andrés Goteira, quen tamén foi responsable da montaxe. A dirección de fotografía correu a cargo de Lucía C. Pan. Estreada na 59ª edición do Festival Internacional de Cine de Xixión, Welcome to ma maison tamén pasou por festivais como Play Doc e foi finalista na categoría de Mellor Documental nos XX Mestre Mateo.

O Ciclo Mestre Mateo é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.