‘Jacinto’ pecha as proxeccións deste ano do Ciclo Mestre Mateo

1 Decembro 2022 | Películas

Coa proxección da longametraxe Jacinto rematan as proxeccións deste ano do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual, en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia, que leva a 20 localidades galegas e 8 comunidades galegas do exterior o mellor do cinema galego recente.

Dirixida por Javi Camino, a longametraxe foi unha das vencedoras na gala dos XX Premios Mestre Mateo, ao recibir 4 galardóns dos 11 aos que optaba: mellor dirección de arte para Samuel Lema, mellor maquillaxe e perruquería e vestiario, para Lorena Calvo e mellor interpretación masculina protagonista para o lembrado cómico Pedro Brandariz. El interpreta a Jacinto, un neno de nove anos pechado no corpo dun home de 50 que vive cos seus pais nunha aldea da que son os únicos habitantes. Todo cambia coa chegada de novas veciñas, Alex e Ana, dúas artistas de black metal que procuran un lugar tranquilo para gravar o novo disco da súa banda.