Presentación na Deputación de Lugo

26 Xaneiro 2022 | Novedades

O 26 de xaneiro Maite Ferreiro, vicepresidenta e deputada de de cultura e Pepe Coira, vicepresidente da Academia, presentaron na Deputación de Lugo o Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa que levará as películas finalistas dos Mestre Mateo ás localidades lucenses de Chantada, Foz, A Pobra de Brollón, Sarria e Vilalba.

Maite Ferreiro manifestou a intención da Deputación Provincial de seguir apoiando á Academia en vindeiros anos e definiu como “fundamentais” actividades como o Ciclo Mestre Mateo. O xerme desta iniciativa foron as proxeccións das longametraxes finalistas dos XIX Mestre Mateo organizadas en Chantada, Foz e Vilalba en 2021, definidas como “moi exitosas” pola deputada de cultura. O vicepresidente da Academia salientou que o ciclo quería “manter o consumo en salas, por iso agradecemos o interese das institucións e das asociacións con este ciclo”.

Na presentación participaron tamén representantes dos concellos e asociacións que colaboran no ciclo, entre eles, o alcalde da Pobra do Brollón, Xose Lois Maceda; Luis Díaz Abad e José López Campo, do Cineclube Leslie Nielsen de Sarria, e Marisa Barreiro, do Instituto de Estudos Chairegos vilalbés. Tamén colaboran coa iniciativa a Concellería de Mocidade de Foz e Airoá Comunicación de Chantada.