O Ciclo Mestre Mateo regresa ás comunidades galegas do exterior coas proxeccións das longametraxes de animación, ficción e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual, segundo foi anunciado hoxe nunha rolda de prensa celebrada no I.E.S. Audiovisual de Vigo. Nela estiveron presentes o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra e Miguel Anxo Fernández, director do I.E.S. Audiovisual de Vigo.
No transcurso do acto anunciouse que As Palmas de Gran Canaria, Salamanca e Álava acollerán este ano as proxeccións, que tamén viaxarán a América (Estados Unidos, México e Cuba) e Europa (Portugal e Suíza). Os representantes destas oito comunidades galegas do exterior tamén estiveron presentes de xeito telemático.
O Secretario Xeral da Emigración agradeceu na súa intervención á dirección do I.E.S. Audiovisual de Vigo que cedese as instalacións para celebrar a rolda de prensa, cuxa realización en directo e emisión en streaming correu por conta do alumnado do centro, ao que definiu como “os futuros traballadores do audiovisual galego”.
Pola súa banda, o presidente da Academia Galega do Audiovisual quixo destacar a diversidade das películas que compoñen o programa, e agradeceu a oportunidade de poder levar a cabo unha segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, despois do éxito colleitado na primeira edición.
Os centros participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo. O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022); o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022); a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022); o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022).
A colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Secretaría Xeral de Emigración achegará o mellor do audiovisual galego recente ao público destas oitos comunidades, que toman o relevo de Madrid, Sevilla, Tarragona, Berlín, Bos Aires, Caracas, Londres e Montevideo, que acolleron o ciclo na súa primeira edición.