A película que chegará a 20 concellos de Galicia e 8 comunidades galegas do exterior será A virxe roxa, galardoada co Mestre Mateo ao Mellor documental o pasado 19 de marzo.
A virxe roxa conta un suceso que conmocionou á sociedade española dos anos 30 do século pasado, protagonizado por Aurora Rodríguez e a súa filla Hildegart, unha moza que con só 18 anos se convertiu nunha das feministas máis destacadas da Segunda República Española, pero que pasaría á historia por ser asasinada a mans da súa nai.
O documental, dirixido por Marcos Nine, conta con Amalia Mato e Chema Gagino, responsables da idea orixinal, na produción executiva. Ademais de gañar o premio ao Mellor documental, tamén foi finalista na categoría de Mellor montaxe e resultou premiado en festivais internacionais como DOCA ou Blackboard.
O Ciclo Mestre Mateo é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas Deputacións de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra e a Secretaría Xeral da Emigración da Xunta de Galicia.