Cuñados é unha comedia sobre as peripecias delitivas de tres cuñados unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado para salvar o que máis queren: a familia. Eduardo e o seu cuñado Sabonis acaban de meter a pata nun dos seus negocios e precisan cartos. Moitos cartos. Será Sabonis quen lle atope a solución ao problema secuestrando a Modesto, cuñado de Alicia Zamora, a empresaria que os enganou e os deixou tirados. Só hai un pequeno problema: Alicia non pensa pagar un peso polo seu cuñado. Mais é o propio Modesto quen urde un novo plan co que Eduardo e Sabonis poderán salvar a adega familiar. Eduardo, Sabonis e Modesto téñeno todo para fracasar pero, como diría Sabonis, malo será.
Dirixida por Toño López e producida por Portocabo, foi a obra con máis candidaturas finalistas na XX edición dos Premios Mestre Mateo, obtendo un total de 16, seis delas nas categorías de interpretación. Os tres protagonistas do filme, Federico Pérez, Miguel de Lira e Xosé A. Touriñán competiron polo trofeo a Mellor interpretación masculina protagonista; Eva Fernández, María Vázquez e Manuel Cortés foron finalistas como intérpretes de reparto.