A TERCEIRA EDICIÓN DO CICLO MESTRE MATEO VIAXA POR 8 COMUNIDADES GALEGAS DO EXTERIOR

29 Maio 2024 | Películas

 

  •  Ingolstadt, Pamplona e Donostia acollerán as proxeccións en Europa;  Río de Janeiro, Sao Paulo, La Plata, Avellaneda e Montevideo foron as escollidas para facelo en América.
  • O CIFP Audiovisual de Vigo foi o encargado de retransmitir a rolda de prensa de presentación, á que asistiron representantes dos centros galegos do exterior por medio de videoconferencia.

O Ciclo Mestre Mateo chega de novo ás comunidades galegas do exterior. Contará coas proxeccións das longametraxes de ficción e documental que foron finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo.

Este terceiro Ciclo anunciouse hoxe nunha rolda de prensa retransmitida por streaming que tivo lugar no plató de televisión do CIFP Audiovisual de Vigo. Nela estiveron presentes Miguel Anxo Fernández, director do centro, o Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda e a membro da Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, Anxos Fazáns.

No transcurso do acto anunciouse que Río de Janeiro e Sao Paulo (Brasil) La Plata e Avellaneda (Arxentina), Montevideo (Uruguai), Ingolstadt (Alemaña), Donostia (País Vasco) e Pamplona (Navarra) serán os espazos que acollan este ano 2024 o Ciclo Mestre Mateo fora de Galicia. Os representantes destas oito comunidades galegas do exterior tamén estiveron presentes de xeito telemático. 

O Secretario Xeral da Emigración agradeceu aos centros galegos do exterior o seu compromiso, xa que son un elemento necesario co que poder levar o cinema galego ao redor do mundo.

Pola súa banda, Anxos Fazáns, membro da xunta directiva da Academia, destacou ”o vinculo que a cultura e neste caso, o cinema, mantén coa terra” e como os centros galegos do exterior ”reciben os filmes sempre con moito cariño”.

Os centros participantes exhibirán entre xuño e novembro unha programación que inclúe as gañadoras dos Mestre Mateo a mejor longametraxe de ficción, como é O Corno (Jaione Camborda, 2023) e Os Espazos en Branco (Bruno Arias, 2023) que obtivo o galardón a Mellor Documental. O resto da programación estará composta polas propostas finalistas destas mesmas categorías. Nas longametraxes documentais teremos: Chichi e máis eu (Nico Campos, 2023) , Emoción, vida e teatro. A nave das Marías. (Saamira Ganay e Cris Andina, 2023) e A viaxe de Lucy (Ruth Chao, 2023). Por outra banda, as finalistas a longametraxe de ficción, que foron: ¡SALTA! (Olga Osorio, 2023)Fatum (Juan Galiñanes, 2023) e Matria (Álvaro Gago, 2023).

A Academia Galega do Audiovisual xunto coa Secretaría Xeral de Emigración levará o mellor do audiovisual galego recente ao público de máis alá de Galicia.