O 26 de xaneiro presentouse na Deputación da Coruña o Ciclo Mestre Mateo, nunha rolda de prensa na que interviron Xurxo Couto, deputado de cultura e Ana Míguez, da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual.
O deputado de cultura destacou o especial apoio prestado pola Diputación da Coruña ao sector audiovisual a través da liña de subvencións á distribución, o programa Visións e o apoio aos festivais de audiovisual con dúas liñas de axudas. Indicou tamén que o apoio ás actividades da Academia viña de lonxe, manifestado en actividades como os premios Mestre Mateo, os María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual e a Semana do Cinema Galego.
Este apoio verase estreitado en 2022 levando as películas finalistas dos XX Mestre Mateo aos concellos de Ames, Arteixo, Boiro, Carballo e Narón, concellos que foron seleccionados atendendo a criterios de territorio e poboación.
Ana Míguez, na súa intervención, destacou a posta en marcha dunha web específica e anunciou que a finais de 2022 se celebrará un encontro entre todas as salas que forman parte do ciclo para compartir experiencias e valorar melloras de cara a edicións futuras.