19 de setembro de 2024 | O sábado 21 de setembro terá lugar a proxección inaugural do Ciclo Mestre Mateo na provincia de Pontevedra, co pase do filme “Fatum“, un dos filmes de ficción finalistas nos XXII Premios Mestre Mateo. A cita terá lugar no Auditorio Municipal das Neves ás 21:00 horas. A película, producida por Vaca Films, protagonizada por Luis Tosar e Álex García e rodada na cidade da Coruña, foi finalista en cinco categorías dos premios: Mellor longametraxe, interpretación masculina protagonista, dirección, montaxe e vestiario.
Amais do filme dirixido por Juan Galiñanes, a programación está composta por outras sete películas: tres longamentraxes de ficción e catro documentais. Despois do seu exitoso paso polos festivais de San Sebastián e Málaga, “O corno” e “Matria” foron as grandes vencedoras da XXII edición dos Premios Mestre Mateo. O filme de Jaione Camborda foi o máis premiado da edición ao facerse con sete galardóns, mentres que “Matria” recibiu cinco. Amais de “Fatum”, a película de ciencia ficción “¡Salta!” completa as longametraxes de ficción do ciclo, no que tamén se poderán ver os seguintes documentais: “Emoción, vida e teatro, a nave das Marías”, “A viaxe de Lucy”, “Chichi e mais eu” e a gañadora do Mestre Mateo ao Mellor documental “Os espazos en branco”.
As longametraxes de ficción e documentais finalistas nos premios Mestre Mateo tamén serán proxectadas en Cerdedo-Cotobade, Moraña e Ribadumia, grazas ao apoio da Deputación de Pontevedra