O Ciclo Mestre Mateo proxectará as mellores curtametraxes do ano en 24 concellos de toda Galicia

30 Setembro 2024 | Películas

  • Por primeira vez, as curtametraxes pasan a formar parte do catálogo do circuíto de cinema galego grazas a un acordo entre o ICAA, AGADIC e a Academia Galega do Audiovisual.
  • 24 concellos do rural galego serán os beneficiarios desta programación.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024 | O circuíto de cinema galego Ciclo Mestre Mateo inclúe por vez primeira na súa programación as curtametraxes finalistas dos Premios Mestre Mateo. As nove curtametraxes finalistas na pasada edición dos premios serán proxectadas en 24 concellos de toda Galicia en virtude da colaboración establecida entre o Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual (AGA). As curtas pasan a integrar a programación do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia para levar o mellor do cinema galego recente a concellos de Galicia que estean fóra da contorna das grandes cidades e non conten cunha oferta comercial de cinema. A primeira proxección de curtas terá lugar o vindeiro 3 de outubro no cine Alfonsetti de Betanzos.

A programación artellarase en dúas sesións elaboradas cos nove filmes finalistas nas categorías de Mellor Curtametraxe de Animación e Mellor Curtametraxe de Imaxe Real dos pasados Premios Mestre Mateo. Os títulos que compoñen o programa son os seguintes:

  • “Antes de que se poña o sol”. Ficción. Dirixida por Nani Matos.
  • “Illa Cordura”. Animación. Dirixida por Mario Fernández Filloy.
  • “In Half”. Animación. Dirixida por Jorge Morais.
  • “Nena”. Ficción. Dirixida por Xosé A. Touriñán e Jairo Iglesias.
  • “O coidado”. Ficción. Dirixida por Miguel Canalejo.
  • “O monstro e a nena”. Animación. Dirixida por Jorge J. Costas.
  • “O neno sardiña”. Ficción. Dirixida por Lucía Estévez.
  • “To bird or not to bird”. Animación. Dirixida por Martín Romero.
  • “Ulises”. Ficción. Dirixida por Félix Brixel.

A inclusión das curtametraxes na programación do ciclo constitúe unha aposta pola accesibilidade á cultura nos entornos rurais e pola promoción do cinema en formato curto, un formato moi vinculado á emerxencia de novos talentos e que non conta con circuítos de distribución e exhibición estables.

Miguel Canalejo, director da obra gañadora do premio á Mellor Curtametraxe de Ficción nos pasados Premios Mestre Mateo, considera “moi significativo que a nosa Academia facilite un espazo de exhibición para este tipo de pezas”, e engade que “sen dúbida, esta decisión supón un avance cara á presenza de voces novas e diversas no noso audiovisual, e permitirá que unha nova xeración de creadores e creadoras atope máis facilidades á hora de desenvolver os nosos proxectos”. Ademais de dirixir “O coidado”, o intérprete tamén é un dos protagonistas de “O neno sardiña”, outra das pezas de ficción presentes no programa: “Penso que todo o mundo que traballa ou traballou no audiovisual pasou algunha vez por unha curtametraxe. Sabemos o difícil que é sacar adiante estes proxectos e, sobre todo, o difícil que é achegalos ao público”.

As curtametraxes chegan ao Ciclo Mestre Mateo no seu terceiro ano de andaina, fortalecendo unha programación na que xa están presentes longametraxes de ficción e documentais, convertendo esta iniciativa nun dos mellores escaparates da produción galega, en formatos de longa e curta duración.

Martín Romero, director de “To bird or not to bird”, gañadora do premio á Mellor Curtametraxe de Animación na última gala dos Premios Mestre Mateo, considera “moi positivo” que as curtas pasen a formar parte da programación do ciclo: “Están fóra dos circuítos comerciais, tanto de salas de cine como de televisión, precisamente polo seu formato non comercial, así que incluílas dentro da programación do Ciclo Mestre Mateo paréceme algo lóxico e necesario para axudar a darlle visibilidade e recoñecemento”.

O feito de estar á marxe dos circuítos tradicionais de exhibición pode facer deste formato un gran descoñecido para o público. Que lle diría Martín Romero ao público que non está familiarizado coas curtas para animalo a asistir a unha proxección? “Diríalles que o das curtas é un formato moi interesante no que se experimenta moito, tanto a nivel formal como tematicamente, e polo tanto considero que é un formato moi estimulante”.

A calidade do programa vén refrendada polo feito de estar composto por obras finalistas nos Premios Mestre Mateo, os premios do audiovisual galego. Miguel Canalejo foi un dos presentadores da gala na que se deron a coñecer as gañadoras: “Lembro esa noite como unha especie de soño febril. A euforia e o nervio de presentar a gala non me permitiron pensar na posibilidade de levar un premio para casa, especialmente tendo en conta o nivel do resto de proxectos finalistas”.

Grazas á colaboración entre a Academia, o ICAA e a AGADIC, as dúas sesións de curtametraxes proxectaranse nas localidades que están a programar o Ciclo Mestre Mateo nas catro provincias galegas.