A Casa da Cultura de Foz acolleu o pase da longametraxe documental A viaxe de Lucy, o primeiro dos filmes do Ciclo Mestre Mateo en ser proxectado na provincia de Lugo. A Pobra do Brollón, A Fonsagrada, Chantada, Meira, Monterroso, Sarria e Vilalba será as outras localidades da provincia nas que se poderán visionar as oito películas e documentais finalistas nos XXII premios Mestre Mateo.
A película, dirixida por Ruth Chao, descobre a primeira misión da axencia espacial estadounidense que viaxará aos asteroides troianos de Xúpiter, que constitúen os vestixios da orixe do Sistema Solar. O documental accede ao grupo de científicos da misión ‘Lucy’ e amosa, desde dentro, como se desenvolve unha misión espacial de exploración ao longo dos anos, desde os seus inicios ata o lanzamento.
O Ciclo Mestre Mateo celébrase grazas ao acordo entre Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Academia Galega do Audiovisual e a súa programación poderá ser visionada ata finais de 2024.