17 de setembro de 2024 | O Auditorio Municipal de Cedeira acollerá a proxección inaugural do Ciclo Mestre Mateo na provincia da Coruña. Será o vindeiro venres 20 de setembro, a partir das 21:00 horas, co pase de Fatum un filme de acción protagonizado por Luis Tosar e Álex García. Sergio, interpretado por Tosar, quen foi finalista nos XXII Mestre Mateo polo seu traballo, ten graves problemas co xogo. Despois de recibir un aviso sobre un suposto amaño dun partido de fútbol regresa á casa de apostas coa intención de recuperar o diñeiro perdido. Alí o seu destino cruzarase co de Pablo (a quen dá vida Álex García) un francotirador dos GEO. Os dous veranse envoltos nun atraco a unha casa de apostas, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre. A película foi finalista en cinco categorías nos XXII Premios Mestre Mateo: Mellor longametraxe, interpretación masculina protagonista, dirección, montaxe e vestiario.
Amais de Cedeira, Betanzos e Boiro volverán albergar as proxeccións das longametraxes de ficción e documental finalistas dos Mestre Mateo, xunto con A Laracha, Valdoviño e Vimianzo, que acollerán as proxeccións por vez primeira. Nesta edición serán un total de seis localidades, unha máis que o ano anterior, as que celebrarán as proxeccións do ciclo.
O Ciclo Mestre Mateo é unha iniciativa que se celebra grazas á colaboración entre a Área de Cultura da Deputación da Coruña e a Academia Galega do Audiovisual.